martes, 13 de decembro de 2016

Un poema de Chus Pato para F. Cortegoso


Poema lido pola autora na mañá do 10 de decembro de 2016 no café Badía, 
en Vigo, na homenaxe dos poetas da cidade a Francisco Cortegoso




























A noite caía

e ti

que ata ese intre eras imperceptible 

materializácheste 

non che importaba a chuvia, nin o outono, nin o frío 

non querías marchar


A túa beleza estaba navegada por un delta 

as túas frases eran lentas 

como as de quen foi recrutado no 36 

e descarga toda a metralla sobre si


Eras pausado coma un avó 

partías o tempo como unha onda parte o mar


Non era de morte a orfandade

era ausencia 


Eras rapaz e servías ágapes 

os vidros o pan 

a vitela que fumega e marca o rumbo dos teus pasos

o polbo


As túas noites eran salvaxes 

sobre táboas comidas de verdello e lique

a rosada bañaba as túas maos

Ouriñaches contra as paredes dos grandes alpendres 

era quente o líquido, o leite


A túa casa era un val, de ollada moi ampla


Eran brancas as verbas 

como cortiza dun bosque de ribeira

eran cinza 

populosas como as cidades do delta 


En Berlín escribías unha tese interminable 

Londres non era segura


É así 

que o nome é infranqueable 

e da súa contemplación ou teoría

florece unha escritura 

e outra

e outra?


que a escritura é franca 

e nela flúe todo o que é nacido?


que se espalla 

sendo o seu cómaro un múltiple de nomes ou nome 

todos eles insensatos

sen posibilidade de lectura

mudos?


tal as pétalas na corola 

así escritura derredor dos nomes


por iso podías desatender 

e preguntar polo nome do brión que medra en forma de estrela

ou alzar a vista 

e dar coa diferente 

a folla da sobreira


mira mira 


No estrelecer a túa voz confundíase coas voces armenias da cidade


Un pardal, era un alción, o azul do alción cortando as augas? 


Como a folla do loureiro

como un coitelo de sílex

así a sombra 

cando ningún dos cascos do cabalo 

apaxa a terra

como o sexo dunha ninfa

así o ventre da voz


así medrou a miña envexa sobre a morte 


Xuntos estivemos en Córdoba 

eras unha pomba no peitoril da mañá 

e en Nápoles 

eras Sorrento e Capri e o Pausílipo 


A noite foi un pano de seda 

estenderon o mantel nun oasis 

alí onde as ratas corren o tronco da palmeira 

cara ao seu fogar

arriba

xunto os dátiles  


Chus Pato





























martes, 2 de agosto de 2016

Pasaxes, de Fernando Buide

Para min é unha honra que o compositor Fernando Buide (Santiago de Compostela, 1980), premio Michael Friedmann de investigación doutoral da Universidade de Yale, quixese incluír un poema de Celebración na súa última peza, titulada Pasaxes, que será estreada o 13 de outubro deste ano no Auditorio de Galicia, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Paul Daniel. O texto de Celebración será cantado pola soprano catalá Isabella Gaudí, xunto a un texto clásico de Edward Thomas.


Estou aquí. En fronte atópase o resto do mundo.

O vento do norte sutura o teu verbo a esta casa.
Instala o noso medo na raíz.
Ponlle nome a aquilo que cremos amar por moito tempo.

Pensa no instante en que soubemos que este muro caerá.
Abre a porta, deixa pasar os cans: que coman da mesa.

Para que cheire a terra a entroido ou barricada dunha vez.
Para que cheire a algo que se desfai e se compón constantemente.

Non deteñas a ollada na beleza do incendio.

Abre unha fisura.

Rompe o círculo.

Escapa

[De Celebración, Apiario, 2014]


Will you come?

Will you come?
Will you come?
Will you ride
So late
At my side?
O, will you come?

Will you come?
Will you come
If the night
Has a moon,
Full and bright?
O, will you come?

Would you come?
Would you come
If the noon
Gave light,
Not the moon?
Beautiful, would you come?

Would you have come?
Would you have come
Without scorning,
Had it been
Still morning?
Beloved, would you have come?

If you come
Haste and come.
Owls have cried;
It grows dark
To ride.
Beloved, beautiful, come.        
Edward Thomas 



martes, 5 de xullo de 2016

A oseira, de Antón Blanco


Boa tarde a todas, a todos.

D’A oseira podo dicir que para comprendela no seu alcance hai que ter unha educación literaria delongada, un vagar poético de longo alento. Ese é un dos riscos que corre este libro: que pase por diante dos nosos ollos sen que nos decatemos de canto hai de novidoso nel, por máis que o autor estableza un diálogo feliz con aquela liña poética dos 90 que Iris Cochón denominou corrente post-sublime e que recolle autores como Chus Pato, Xabier Cordal ou Manuel Outeiriño. Semella mentira que un rapaz que vén de saír da adolescencia sexa quen de discutir na súa praxe literaria os fundamentos en que se vén erixindo a poesía aquén do romantismo, a saber, a centralidade do suxeito e a transmisión dunha sentimentalidade vinculada ao coñecemento. Nada disto hai no libro de Antón Blanco. O suxeito autorreferenciado da poesía moderna, escasamente discutido aínda nos nosos días, deixa paso n’A oseira a unha perspectiva visual da enunciación poética que ten máis que ver coa narración obxectalista de Arrabaldo do norte de Ferrín ca co punto de vista omnisciente da novela do XIX: o poeta dá conta do que ve coa frialdade precisa dunha cámara de cine, sen saturar o poema coa súa subxectividade.


Hei de recoñecer que cando pechei por vez primeira este libro e me enfrontei á dureza do seu relato (os mortos do Somme, os afogados de Sálvora, o sangue do neno na pedra) tiven que recomezar inmediatamente a súa lectura para responder unha pregunta que daquela consideraba clave: que me di Antón Blanco sobre esta barbarie? Inxenuo de min, procuraba un discurso autoral sobre as feridas do conflito sen decatarme de que a súa aposta pasa por deixar nas miñas mans, nas mans dos seus lectores, as conclusións e as dores de cabeza.

Nunha carta dirixida a Gimferrer, comentaba Octavio Paz a propósito da poesía dos novos: “Habría que usar un lenguaje más ascético, más decididamente prosaico o más desgarrado, más seco… y sobre todo, que no se oiga la voz del autor, que la moral la extraiga el lector sin que el poeta se lo diga”. Parece como se Antón Blanco decidise converter os desexos do mestre nunha realidade tanxible. Blanco escolle a paisaxe e elixe o momento (o da deflagración, antes de que a carne sexa oseira –A oseira é un título invocativo e non exactamente referencial-), a disposición ética tirámola nós se nos prace. O poeta conténtase con obrigarnos a mirar alí onde os ollos quixeran renderse. E non é pouco.

O que talvez sexa un dos mellores poemas deste libro remata cun verso decisivo: A ferida mirámola pero non se pronuncia. Consciente das limitacións da linguaxe para dar conta do mundo, Antón opta por unha poética da escena visual, como se dun artista plástico, e non exactamente dun poeta, se tratase. Do meu punto de vista, a novidade esencial que achega este libro asenta precisamente en que enuncia imaxe e non discurso. E coido que poucas obras da nosa contorna poden fachendear de semellante xiro de temón.


A modo case que de invocación, gustaríame por último poñer a atención sobre un feito: Antón Blanco e Afonso Traficante, só por citar dous autores presentes, pertencen a unha xeración de poetas novos (novos nos dous sentido do termo) que están turrando pola poesía galega con brazada firme. Todo parece indicar que o sistema non dará encauzado a creatividade poética última nun discurso crítico meditado e probablemente acabe falando de poesía nova como rótulo válido de englobar a todos aqueles que non superamos os trinta e moitos. A fortaleza da poesía galega vista desde unha perspectiva diacrónica continúa a desbordar os marcos do sistema e coido que é bo que así sexa. Antón Blanco non é da miña xeración, como eu non son da xeración de Daniel Salgado ou Olalla Cociña, pero iso non importa, desbordemos todos o sistema. Haberá mellores tempos para a crítica.

Moitísimas grazas.


Gonzalo Hermo

[Texto lido por Antón Lopo no meu nome na presentación en Compostela d’A oseira, na libraría Chan da pólvora, o venres 1 de xullo de 2016. A fotografía do libro é de Irene García Paz]

sábado, 9 de xaneiro de 2016

Tres poemas de Andrew McMillan


Andrew McMillan (South Yorkshire, 1988) é profesor de escrita creativa na Universidade John Moores de Liverpool. O seu primeiro libro de poemas, Physical (Jonathan Cape, 2015), colleitou un éxito inusitado en Gran Bretaña, sendo o primeiro poemario en gañar o prestixioso Guardian First Book Award, dotado con 10.000 £. A crítica destaca a súa capacidade para ofrecer unha visión subversiva da masculinidade a través dunha poesía de corte limpo e directo.

Agradézolle a Francisco Cortegoso, sempre atento a todo o novo que chega de Europa no campo da poesía e do pensamento, que me descubrise a McMillan. 

















O tipo duro

O meu sobriño pregúntame se podo levantalo como se fose unha pesa
o novo amante de súa nai pode e levántao moitas veces

o meu sobriño que unha vez lle dixo ao meu mozo que era ilegal
o meu sobriño coa mandíbula e a voz do seu papá

o meu sobriño que di que eu quixen
tocarlle o paquete nunha ocasión

Inténtoo outra vez           Deixo que as súas salvaxes pernas
descansen na palma da miña man      poño a outra

no seu peito     e levántoo      porque
que é a masculinidade se non termar do peso

dun neno e dar o máximo dun mesmo?
aquí estamos      un home sostendo un neno sobre si

en horizontal      como unha ofrenda ao gotelé do teito
que nin sequera un grego menor atoparía digno de ser esculpido.


Mexada

Teño medo de bater con alguén mentres mexa
aqueles luns eu son un cabalo de carga    as miñas alforxas
pivotan arredor dos corpos que mexan
e algún día       ben o sei        baterei con alguén
e mexará polas pernas        ou xirarase un pouco
e amosaralle a outro home o que ten
ou caerá na súa propia charqueira coa súa húmida
e branda pirola    e ningún de nós mirará
ou el mirará para min coma se non mirase
finxindo interese nos duros azulexos de cor crema
talvez sucede que desexo que bata
comigo un estraño
brevemente durante este íntimo acto
o baño é unha intimidade
só compartida cos pais cando un é novo
e que se volve compartir cando un xa é vello
e tamén cos nosos amantes cando     por exemplo      un sábado pola mañá
alongando de máis o momento de ir ao lavabo
despertas co son dun gotexo nunha cunca
e vas abrazar o corpo espido
que está de costas a ti     e bícaslle o pescozo
e probas a totalidade da noite que hai alí
e cheiras a tenue perda amarela da mañá
e agárraslle todo coa man
e sentes a auga fluíndo dentro del
e sabes que iso é o amor    a carne mol
aquilo que expulsamos do corpo e retemos dentro.


Finalmente

Chegará o día en que
despertado polo xilófono
do sol atravesando as persianas
decataraste

de que a praia non foi o lugar
onde os cabalos arrincaron a area
nun lazo

de que o seu cheiro xurdiu
da última saba
de que non volverá

de que nunca choveu,
pero os paxaros fan como se chovese
así que poden cantar.





















venres, 2 de outubro de 2015

Dous poemas de Anne Carson


Lázaro (primeiro borrador)

Dentro da pedra en que vivimos outra pedra.
Iso cren.
Que é o Año de Deus? A xente emprega esa expresión.
Non o sei.
Contemplo a miña irmá, os seus dedos depilando no bigote distraidamente,
non hai que lle facer.
As follas espállanse pola casa coma almas, brillan e desaparecen.
Lembra
o que dixo o príncipe Andrei cando lle anunciaron que Moscova ardera
ata os cimentos.
Dixo En serio?
Un home que estivera no campo de batalla! Que vira que as nosas vidas son soamente
frechas cegas voando no ar.
Pero alí quedou
sentado no catre coma sempre, tratando de tensar a corda do seu arco.
O que hai en nós son accións
e máis nada. Mentres unha difusa hora atafegante
se repite, se repite.

Men in the off hours (Homes no seu tempo libre’)
2007


Luns

Artaud está tolo. Permanece próximo á loucura. Mirándoa respirar ou non respirar,
deduce leis rítmicas que revelan os seus actores.
Deben atinxir matematicamente
un dominio das paixóns, ser como Artaud pero cordos. Observar o máis mínimo
tira e afrouxa dentro dos músculos rabuñados pola emoción.  
Aprender a interpretalos
como se fosen alento.
Descubrir todo o que é “feminino”, todo o que se dobrega
dentro de nós–
o xeito en que un mergullador finca os calcañares no leito do mar
co obxectivo de volver á superficie: hai
un súpeto baleiro onde antes había
tensión.

Para Artaud a verdadeira desvantaxe de estar tolo non é que a conciencia
esmoreza e se esgace, senón o feito de non poder dicilo,
fascinante como sería, mentres está acontecendo.
Só é posible
máis tarde, unha vez “recuperado” e de maneira menos convincente.

O estado de loucura está, como subliña unha e outra vez, baleiro.
Inzado de baleiro. Anoado con baleiro. Excesivo no seu
baleiro. Podes extraer baleiro del a mans cheas.
“No estou aquí. Non estou aquí e nunca o estarei.”
Podes extraelo sen repouso.

Men in the off hours (Homes no seu tempo libre’)
2007






luns, 7 de setembro de 2015

Entrevista para Insula Europea


[Entrevista de Inma Otero para a publicación italiana de poesía Insula Europea]



É inevitable facer referencia ao Premio da Crítica Española 2014 na modalidade de poesía que recaeu no teu segundo poemario, Celebración. Esperabas este recoñecemento e os comentarios tan positivos que recibiu? É fácil escribir despois disto?
Non esperaba unha recepción especialmente favorable, entre outras cousas porque intuía que Celebración podía non gustar a aquelas persoas que si gustaran de Crac. Se che son completamente sincero, tiña medo a que o novo libro se lese en clave conservadora, como unha especie de paso atrás con respecto ao primeiro. Tiven a sorte de ser entendido e nada disto sucedeu: Celebración achegoume a novos lectores e coido que non perdín os que xa tiña. Sobre o Premio da Crítica, son consciente de que houbo dous factores que xogaron un papel no feito de que eu o levase: por unha banda, o recoñecemento á iniciativa editorial que representa Apiario; pola outra, unha aposta estratéxica por parte da crítica para impulsar a poesía dos novos. Mesmo así, non deixa de ser un premio a unha obra en particular e a min como autor dela. Estou moi agradecido pero o sentido da responsabilidade, de agora en diante, vai ser grande. 

Celebración é o primeiro libro publicado pola editorial Apiario, dirixida polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás, que adoptan un procedemento de edición moi coidado e artesanal. Por que escolliches esta editorial? Que che achegou fronte a outras editoriais máis consolidadas?
As condicións que me puxeron enriba da mesa Antía e mais Dores foron difíciles de rexeitar. A poesía sufriu os estragos da crise en termos de volume de publicación, pero tamén na calidade das edicións. Contra iso, Apiario reacciona revalorando o libro como obxecto, mimando a edición. Creo que é unha aposta intelixente: o público de poesía en galego é reducido pero é fiel e esixente. Coa dinámica dos últimos anos, en que se viñeron publicando fundamentalmente gañadores de premios literarios en edicións o máis económicas posibles, desatendeuse esta realidade. Creo que é unha sorte para a literatura galega que exista Apiario. Temos unha poesía dunha calidade moi alta e o sistema editorial que debera darlle soporte, en termos xerais, non estivo á súa altura.  

Díxose en moitas ocasións, e neste momento tamén se retoma o tópico, que a poesía era o grande xénero da literatura galega. Mesmo poetas non galegos teñen gabado a calidade da lírica. Estás de acordo? 
A experiencia que teño de levar a poesía galega fóra das nosas fronteiras é sempre positiva. Falo de recitais, dalgunha conferencia que dei a xeito de panorámica e tamén de recomendacións a título individual. Somos uns completos descoñecidos mesmo no contexto do estado e teño a impresión de que sobre nós se detentan dous prexuízos opostos pero complementarios: ou ben se considera que facemos unha poesía que segue estritamente as modas da poesía en castelán ou se nos imaxina escribindo coplas e muiñeiras. A poesía galega ten unha tradición de ruptura que se remonta a Rosalía e que se estende ata o momento presente. Sempre sorprende que sexamos tan libres á hora de escribir. E coido que si, que aínda que en Galicia haxa poetas bos e malos, coma en todas as partes, en xeral escríbese unha poesía disposta a asumir riscos, probablemente porque non temos nada que perder. 

Na túa opinión, que faltaría para que a poesía galega traspasase as fronteiras da propia lingua? 
Teño a sensación de que a posibilidade de saír fóra depende moitas veces do círculo de relacións persoais que o autor (ou a editora que o apoia) manteña cos principais axentes doutros sistemas literarios. É certo que unha poeta galega que non teña unha obra de calidade dificilmente vai ser traducida ao inglés ou ao español, pero habería que ser moi inxenuo para pensar que a calidade é o único criterio en xogo. A proba diso está nos casos de poetas canónicos en Galicia que non gozan de proxección fóra. Para salvar esa eiva, debera haber unha política cultural destinada a tender pontes con outros sistemas literarios e facilitar os procesos de tradución. Toda a difusión e o éxito que se consiga fóra repercute dentro en termos de atención e valoración do xénero e dos seus produtores. 

  • Entrevista completa (en galego):
http://www.insulaeuropea.eu/leinterviste/interviste/otero_hermo.pdf
  • Entrevista completa (en italiano, traducida por Marco Paone):
http://www.insulaeuropea.eu/leinterviste/interviste/otero_hermo.html
  • Recensión de Celebración a cargo de Inma Otero (en italiano):
http://www.insulaeuropea.eu/






martes, 16 de xuño de 2015

Ana Salgado sobre Celebración


Publicado en Grial 205 (maio de 2015)


En Celebración hai un poema, “Despois de Crac”, co título do libro de Gonzalo Hermo de 2011, o primeiro dun mozo de 24 anos. O dato da idade seméllanos irrelevante, ocorre co que escribe hoxe outra xente que anda arredor dos 30, poéticas unidas a este libro por algúns nós: Raida Rodríguez, Francisco Cortegoso, Xiana Arias. Outro nó de complicidade sería a marca editorial: o libro de Hermo, obxecto inusualmente coidado, abre a colección de poesía de Apiario, proxecto que sae das mans das escritoras Dores Tembrás e Antía Otero.

A voz que, no remate, escribe as dedicatorias, dinos que este é “tamén, o libros dos amigos”. A partir destas e das citas fomos construíndo unha lectura de Celebración. Detémonos nas dúas iniciais. Unha dun texto en catalán de Eduard Velasco, tamén poeta en galego a quen leremos axiña como gañador do premio Pérez Parallé. Di: “Sempre stimaràs la terra amb què has compartit el fred”. Outra de Antonio Gamoneda, do poemario de 1992 titulado Libro del frío: “He llegado por fin; este no es mi lugar, pero he llegado”. E atopamos en Celebración elementos deste poema narrativo, do conxunto deste libro do escritor leonés. Unha simboloxía próxima: os insectos, os elementos vexetais, as aves, o frío. Unha voz poética que parece descansar no verso longo, que escora nunha fatiga extensiva, que medra e creba. Entre as conexións, amais, as tantas posibilidades de lectura para esa falta de lugar: desclasamento, desposuimento, desterritorialización, alleamentos de diversa caste.

“Renuncio a unha escrita afectada // realmente este libro acaba aquí” dicían os versos finais do penúltimo poema de Crac, e establecían unha fenda que vemos cumprida en Celebración. A violencia de Crac, con Müller, Duras, Celan, Jelinek ou Artaud, vese agora aplacada, faise máis esquiva, diríxese menos cara á memoria e máis cara ao desexo, eses planos que mesturara T. S. Eliot no comezo d'A terra herma e cavilamos se para sempre. “[...] pois nada é máis fermoso que que a memoria nos engane”, di Hermo nun verso.

Lemos Celebración como un libro sobre a perda. Sobre as perdas: a civilización rural, o territorio, a lingua, os corpos amados, a clase. Talvez estes poemas se escribisen para dicir que a perda pode ser un camiño produtivo. Achegaríase aquí ao pensamento de Jacques Derrida cando coloca, non enfrontados e si no mesmo plano, os procesos de memoria e esquecemento. E a perda pode ser no libro un proceso produtivo pola súa conexión co desexo. Os desacordos entre Lacan e Deleuze canto á maneira de entender este vólvensenos entón pertinentes para lermos Celebración. Isto tamén porque a escrita de Gonzalo Hermo se sitúa en discusión co pensamento contemporáneo: a filosofía, a teoría da literatura, as poéticas que procuran na linguaxe. E parece querernos dicir que só debera servir unha linguaxe común. Cara a esta, que se sabe extirpada, quizais apunte a presenza do corpo no libro. Cara á busca dunha lingua das iguais, no sentido en que a pensou Jacques Rancière. Así, quere que o verso se mida antes de máis consigo mesmo e sitúase enfrontado á metáfora. Dixo nunha entrevista: “Onde digo 'frío' quero dicir 'frío' e máis nada”. Hermo sabe que non damos desaprendido de vez, que non sabemos ler suspendendo o peso da tradición, en común, entre todas. Tamén que precisamos pensar esa apertura.

E outro horizonte do posible ao que Celebración se está abrindo sitúase alén dunha idea historicamente hexemónica onda nós, aquela que coloca a nostalxia nun plano privilexiado na construción da nosa subxectividade e do noso discurso político. Lemos no fragmento final dun poema da sección “Grao límite de frío” : “Porque non hai lingua que impugne o contido dunha perda // nin hai consolo desta volta / no brazo das palabras. // O movemento imponse. / Revélase a color. // Ti e eu marchamos sen mapa e sen costura. // É doloroso / pero salva. // Tarda en curar pero libera”.

Ana Salgado