xoves, 15 de maio de 2014

Memorial e danza, de Francisco Cortegoso

«O triunfo do ego é o triunfo da poesía», anunciaba onte un medio dixital para celebrar a chegada do primeiro libro de poemas dunha escritora española nova, Irene X. A xulgar pola experiencia desta rapaza, que tiña colocados 4.000 exemplares antes de que o libro saíra do prelo, a fórmula do éxito parece clara: o poeta novo ha de se converter en personaxe de culto e o poema na vía de acceso á súa vida privada. Noutras palabras, becoming Miley Cyrus e que o libro sexa a Super Pop.

Pois ben, quixera eu aquí saudar a estrea literaria de Francisco Cortegoso, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé 2013, xustamente co lema contrario: «A morte do ego é a vitoria do poema». Probablemente Memorial e danza non chegue ás cotas de mercado da tal Irene X, mais el si pode alcumarse orgullosamente de novo.


Penso eu que se existe a posibilidade dunha post-poesía, dun discurso poético que vaia alén das estremas do lírico, Memorial e danza se situaría aí, abrindo camiño con brazada firme, tan segura que pode sorprender a quen ignore o traballo de Fran coa escritura desde hai tempo. Non hai neste libro un incipit; antes ben, atoparemos unha manchea de versos que evocan un final, a meta dunha viaxe a través das posibilidades e límites do poema. O resultado de anos de procura e reflexión, ensaio e erro, escrita e lectura, labor. Memorial e danza é un libro de madurez, por moito que a man que o escribiu non chegue aos trinta anos.

A enunciación pasa a un segundo plano. Non importa aquí quen é o eu que fala (cando o hai), tampouco a quen se dirixe. A pregunta pola voz, central na reflexión sobre o poema desde o Romantismo, deixa de ter sentido. O suxeito esvaece ao tempo que comparece o poema, na súa maxestade, coa potencia dun corpo. 

Coido que a proposta que subxace en Memorial e danza asenta, esencialmente, en negar a mímese. Leo no libro e aprendo a lección: un poema non re-presenta, non volve presentar o que xa é. É. Deste xeito, convén non sucumbir á tentación da parábola. Onde Francisco escribe rosa, corazón e xardín léase rosa, corazón, xardín. Non hai símbolo – nada que no texto remita alén de si. E, no entanto, o poema fala de nós nun sentido que transcende a visión de curto alcance, o anecdotario do estar-aquí, agora. A poesía foi visión e pode volver selo. Hölderlin, Celan, Chus Pato. Escoller ben os mestres tamén é sinónimo de talento literario.


 Memorial e danza non fai concesións. Como Oriana Méndez, Daniel Salgado ou María do Cebreiro, Cortegoso é poeta que refuga dos excesos sentimentais, talvez consciente de que tal recurso opera na dirección de conquistar pola vía fácil a aprobación do lector medio. Poeta de técnica, de cabeza, que escribe escoitando o ritmo do corazón, pero non sacumbe ao seu embate cando comeza a latexar demasiado forte. Quere dicir e di. Melodía e palabra ata dar na fórmula precisa, aquela que o poema revela no seu estilo artesanal, de manufactura.

Memorial, porque un poema é economía da memoria, que dixera Derrida, escritura e recordo. Danza, que tamén valería dicir o movemento, a acción, o corpo humano avanzando contra o transcendente, contra o absoluto. Nin máis nin menos. 

Fran escribe:

É sorprendente
non a noticia circundante para cubrir
a imaxe dun furacán atravesando América Central
ou o Caribe,
mais a compracencia con que o vento
vindo do Norte este día de xullo
trata as pólas do plátano nun xardín de Europa;
e non o voo dunha gacela sobre os campos etíopes
atravesado na boca dun guepardo;
e non a portada de National Geographic
testemuñando o cultivo de arroz nas montañas de Indochina
tras o ciclo do Monzón;
e nunca o tempo achegado do Imperio Macedonio
porque eles xa contemplaban este ceo nocturno;
porque hoxe me inquieta
só este compasado movemento
sen retorno.

Hoxe, ás 21:30, en Fene, dámoslle a benvida. Presenta: Antón Lopo

4 comentarios:

  1. Parabéns pola entrada, que é espléndida (coma o libro ao que se refire). Mentres a lía, pensaba que en realidade idea de que o poema é o suxeito do poema é unha idea netamente romántica. Estou contigo en que a dicción de Cortegoso é antisentimental; dicir que é anti-romántica paréceme máis arriscado porque, fronte ao que tan brillantemente teñen teorizado persoas moi queridas e achegadas (penso no mestre Casas), non creo que se poida afirmar que esteamos nunha etapa de superación da lírica. De non ser que esteamos a restrinxir innecesariamente o concepto de lírica, sen reparar en que no Círculo de Jena, que funda o romanticismo nun dobre sentido filosófico e poético, aparecen xa enunciados motivos como o da fragmentariedade, o poema absoluto ou a negatividade do eu. En fin, vellas teimas. Non fagas caso ningún e grazas por saudar a chegada dun novo libro ao mundo. M.

    ResponderEliminar
  2. P.D.: quixera precisar que as investigacións de Casas insisten con grande acerto na idea de que o "post-lírico" non é algo así como unha síntese hegeliana que determinaría a superación, en sentido temporal, do "lírico". Nese sentido, concordo de cheo con el en que o tempo presente achega moitos elementos de cuestionamento do modelo romántico. Pero penso tamén que, entre nós (a crítica literaria inglesa nunca tivo nin terá ese problema), o romanticismo segue a estar imbuído de connotacións que, en puridade, e tomado o termo en sentido técnico, non lle corresponden. Botémoslle a culpa a Bécquer, non ao romanticismo (Leopardi, Hölderlin, Castro, Lois Pereiro, Leopoldo María Panero... e suma e segue). M.

    ResponderEliminar
  3. Acepto todas e cada unha das túas precisións, M. Ás veces un déixase levar polo entusiasmo e tende á hipérbole. É inevitable. Vai no ADN de quen escribe. Do que si estou convencido é de que no libro de Fran hai algo que abre camiño. Como tamén na obra dos poetas que quixen colocar ao seu carón. Se esa novidade cae dentro ou fóra do marco romántico, non entro a discutilo. O que si detecto é a emerxencia dunha fornada de poetas que constrúen a súa obra desde unha certa incomodidade con respecto aos parámetros que veñen sendo identificados na nosa tradición como paradigmáticos da poesía. Só quixen situar a Fran aí. Unha aperta e moitas grazas polo teu atinado comentario. P.S. Por se alguén pensase que isto de anunciar “novas liñas poéticas” é algunha forma de autobombo (que ás veces métenme caña por aquí) direi que a miña obra xoga noutra liga: ser contra-sentimental é distinto a ser anti-sentimental.

    ResponderEliminar
  4. Estou de acordo en todo. Préstame moito o que dis na última liña: o "sentimentalismo" non equivale á expresión emocional, senón á perversión retórica dos sentimentos. Tamén creo que a poesía galega está a volver á vida, ou algo así. Nunca estiñara de todo, non, pero habería que estar xordo de vez para non percibir o vigor co que algunhas voces novas veñen soando nos últimos cinco anos. Ese paréceme un proceso, se non propiamente romántico (hehe), en todo caso moi ilusionante. Apertas.

    ResponderEliminar