mércores, 29 de outubro de 2014

Nos límites do dicible


Sería deshonesto pola miña parte escribir unhas liñas sobre Cronoloxía da urxencia como se acabase de chegar ás miñas mans. Tiven a sorte de acompañar á autora no percurso que a levou dun primeirísimo borrador á obra que agora chega aos andeis das librarías. Polo medio, circularon títulos alternativos e un traballo coa linguaxe que conduciu a escritora a explorar os límites do dicible. Desprovista de delirios ascéticos, Dores Tembrás vestiu o traxe de xastra e púxose a coser no verso ata dar na expresión xusta. E nin unha sílaba máis. O resultado revela unha lingua permeable ao silencio onde nada nela hai de instrumental, pois a autora sabe ben que o que distingue unha poeta de alguén que non o é reside na capacidade para producir idioma, e non só para habitalo. 


 A técnica e o talento ao servizo dunha reflexión delongada sobre a natureza e o alcance do desexo. Velaí a Cronoloxía, disolución dun número amplo de pensamento e lecturas, algunhas delas explícitas. O que observamos, ao final, é unha experiencia meditada, consciente. Digo isto porque, ao contrario do que acontecía con algúns dos títulos máis celebrados da poesía de muller dos anos 90, aquí hai corpo, pero non víscera. O desexo, para Tembrás, é un acontecemento, na máis pura ortodaxia deleuziana: non propiamente o evento (poderiamos dicir, a experiencia da carne), senón aquilo expresado que continuamente nos fai sinais e nos chama.

O poema sitúanos na inminencia, nese non-dar-chegado onde comparecen nervio e saliva. O desexo é antes. E a proposta da Cronoloxía asenta na ledicia de gorecérmonos na urxencia. De aí a cita de Barthes, plenamente cabal a ollos dunha concepción xusta do desexo, a deste libro: que importan as nosas oportunidades de ser colmados, se o que de veras paga a pena é experimentar esta pulsión, este estar abertos á posibilidade de que as nosas expectativas non se cumpran? Žižek, con base en Lacan, falou da inconsistencia da noción de felicidade entendida como conxunto de obxectivos conseguidos, propondo substituíla pola máis realista de interese. Do que se trata, ao cabo, é de estarmos interesados e o desexo (do outro e da palabra, ás veces entrelazados neste libro) é a forma máis perfecta de interese. Talvez por iso a Cronoloxía a vertebra un aquel de exceso vital. Porque comprende a vida tal e como é, retirándolle esa carga fantasmática que nos apiña á frustración, e por iso pode celebrala.


 Celebro, canda Dores Tembrás, a chegada deste libro, o final triunfo da finitude. Aquel que enlea o corpo saturado de desexo, cómplice co camiño que nos demarca o presente.

[Publicado en Tempos Novos, 206 (2014): p. 68]

[Booktrailer do libro aquí]



Ningún comentario:

Publicar un comentario